Suspensión

É importante ter en conta que a soa interposición dunha reclamación económico administrativa NON suspende a execución da débeda. Se se interpón unha reclamación pero a débeda no se ingresa ou non se suspende, esta seguirá o seu curso e pode chegar ao constrinximento e embargo.

Para evitar que isto ocorra pódese optar por:

  1. Pagar a débeda que foi recorrida ou ben solicitar o seu aprazamento ou fraccionamento. Unha vez recibida a resolución da reclamación, e sempre que sexa favorable ao interesado, a Administración procederá a devolver as cantidades que fosen ingresadas cos seus correspondentes xuros.
  2. Suspender a execución do acto impugnado presentando a oportuna garantía. O interesado deberá achegar garantía que cubra o importe da débeda recorrida, máis os xuros de demora que xere a suspensión e as recargas que puidesen proceder no momento da solicitude da suspensión.Como excepción, se o que se recorre é unha sanción tributaria, a interposición da reclamación económico-administrativa suspenderá automaticamente a execución da sanción sen necesidade de achegar garantía algunha.

Forma de solicitar a suspensión:
A suspensión deberá solicitarse en escrito independente ao da reclamación, pero sempre debe existir reclamación económico administrativa, non se pode solicitar a suspensión se non se reclamou previa ou simultaneamente ante a Xunta Superior de Facenda.

Cando se solicite a suspensión automática con garantías taxadas, o escrito de solicitude deberá dirixirse ao órgano de recadación e deberán acompañarse obrigatoriamente os documentos que xustifiquen a formalización da garantía (artigos 233.1 e 2 da Lei xeral Tributaria e 43 do Regulamento de revisión en vía administrativa).

Cando se solicite a suspensión con prestación doutras garantías distintas, o escrito de solicitude deberá dirixirse ao órgano de recadación e deberá acompañarse a documentación que acredite a imposibilidade de achegar as garantías previstas para a suspensión automática e a natureza características das garantías que se ofrecen, os bens e dereitos sobre os que debe constituírse e a valoración dos mesmos realizada por perito con titulación suficiente (artigos. 233.3 da Lei xeral Tributaria e 44 e 45 do Regulamento de revisión en vía administrativa).

Cando se solicite e a suspensión sen garantías, o escrito de solicitude deberá dirixirse á Xunta Superior de Facenda. Esta suspensión poderá solicitarse sempre que concorran prexuízos de imposible ou difícil reparación, ou ben erro aritmético, material ou de feito, e deberá acreditar necesariamente que o acto podería causar prexuízos de imposible ou difícil reparación ou ben xustificar a concorrencia do erro, aritmético, material ou de feito (artigo 233.4, 5 e 10 da Lei xeral Tributaria e artigos 46 e 47 do Regulamento de revisión en vía administrativa).

Hai que ter en conta que só será automaticamente concedida a suspensión que se solicite ante o órgano de recadación con achega de garantías taxadas. Estas garantías son:

  • Depósito de diñeiro en efectivo ou en valores públicos constituído ante Caixa de depósitos da Consellería de Economía e Facenda.
  • Aval ou fianza de carácter solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca ou certificado de seguro de caución.
  • Fianza persoal e solidaria doutros contribuíntes de recoñecida solvencia, para débedas inferiores a 601,01€.

Vixencia da suspensión:

A suspensión da execución do acto manterase durante a tramitación do procedemento económico-administrativo. Unha vez terminada a vía económico-administrativa se o interesado interpuxese recurso contencioso-administrativo, a suspensión producida en vía administrativa (recurso de reposición ou reclamación económico-administrativa) manterase sempre que o interesado comunique á Administración Tributaria dentro do prazo de interposición do recurso contencioso-administrativo (2 meses) que interpuxo o devandito recurso e que solicitou a suspensión nel. A devandita suspensión continuará, sempre que a garantía que se achegou en vía administrativa conserve a súa vixencia e eficacia, ata que o órgano xudicial adopte a decisión que corresponda sobre a suspensión solicitada.

Efectos da suspensión:

A suspensión da débeda levará, se a resolución da reclamación non é favorable para o interesado, os correspondentes xuros de demora por todo o período de suspensión.

Normativa aplicable:

  • Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria (artigos 224, 225 e 233 (212.3 sancións tributarias).
  • Real Decreto 520/2005, de 13 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de desenvolvemento da Lei xeral tributaria en materia de revisión en vía administrativa (artigos 25 e 40 a 47).

 

Ligazón á web da Xunta
©  Información mantida e publicada na internet pola Consellería de Facenda